Plataforma europea de ala fixa · UAV

Velocidade de tránsito e permanencia sobre a zona

Artabian desenvolve e fabrica unha plataforma europea de ala fixa para vixilancia aérea persistente. O trazo que a distingue na súa clase é a banda de velocidade: a estrutura está dimensionada para unha VNE de 260 km/h, o que reduce o tempo de tránsito ata a zona de operación. A misión determínaa o equipo embarcado na bodega, non a aeronave.

Consola de voo Artabian en modo demostración: instrumento principal, mapa da misión con puntos de paso e panel de telemetría.

Consola de voo Artabian, en modo demostración con telemetría en directo.

Envergadura1,56 m
MTOW6,8 kg
Cruceiro120 km/h
VNE260 km/h
Raio operativo40–60 km
Carga útilata 2,4 kg

Cifras de deseño. A VNE é o límite estrutural da aeronave, non unha velocidade de traballo. A validación con datos de voo forma parte do programa en curso.

Plataforma aberta

Aeronave e sistema de voo propios, carga útil do operador

O habitual no sector é unha aeronave pechada cun sensor integrado de fábrica. O enfoque de Artabian é o contrario: subminístrase o airframe e o sistema de voo, cunha bodega e unhas interfaces documentadas, e a decisión sobre o equipo embarcado corresponde a quen coñece a misión.

Para unha administración ou un operador cun contrato en vigor, iso permite conservar a cámara, o enlace de radio ou o software de análise que xa teña integrados.

Ala fixa, cola en V, motor traseiro

1,56 m de envergadura, 1,08 m de lonxitude e 6,8 kg de masa máxima, con fuselaxe monocasco de fibra de carbono dimensionada para factores de carga elevados e para unha VNE de 260 km/h. Lanzamento con lanzadeira propia de guía de aluminio e resorte, sen necesidade de pista nin de catapulta pneumática. Recuperación en terra.

Airframe

Concibido para BVLOS desde o deseño inicial

Navegación, xestión de misión e enlace de mando deseñados para operación máis alá do alcance visual na categoría específica de EASA, non adaptados a posteriori. O software completa a ruta sen piloto aos mandos.

Sistema de voo

Bodega de ata 2,4 kg

Admite sistemas embarcados a medida ou carga, intercambiables en campo, ata o 35% da masa máxima. O mecanismo de solta permite a entrega sen aterrar: a aeronave libera a carga e regresa.

Carga útil do operador
Misións

Unha plataforma, moitas misións

A aeronave é a mesma en todas as misións; o que cambia é o equipo embarcado. Como os picos de demanda están desprazados no calendario, unha mesma flota pode rotar entre misións e manter alta a utilización ao longo do ano.

Misión 01

Detección temperá de incendios

Vixilancia térmica de zonas de risco e detección na primeira hora, cando o custo de extinción aínda é baixo. Entre o aviso e a primeira imaxe transcorren minutos que condicionan a evolución do lume, e aí intervén a velocidade de tránsito. Na fase de permanencia, o custo por hora é moi inferior ao dun medio tripulado na mesma tarefa.

Misión 02

Vixilancia costeira e gardacostas

Tráfico portuario, detección de embarcacións e cobertura de litoral extenso mediante voos programables e repetibles, tamén fóra de temporada alta.

Misión 03

Apoio a busca e salvamento

O tempo de chegada é aquí a variable principal, e é o que xustifica a banda de velocidade da plataforma. A continuación, cobertura dun patrón de busca amplo e mantemento do contacto mentres se aproxima o medio principal, con capacidade de soltar unha baliza ou un elemento de flotación sobre a persoa localizada.

Misión 04

Control pesqueiro e vertidos

Misión recorrente e programable para a administración pesqueira e ambiental, con sensor óptico ou multiespectral sobre a mesma plataforma.

Misión 05

Inspección de infraestruturas

Liñas eléctricas, corredores, parques enerxéticos e instalacións illadas. Constitúe tamén a vía de acceso ao cliente privado e aos xestores de infraestrutura.

Misión 06

Entrega lixeira

Recambios, mostras, documentación e material urxente ata 2,4 kg, sen necesidade de desviar un medio nin de agardar á seguinte quenda.

Por que ala fixa

Un multirrotor loita contra a gravidade. Unha á aprovéitaa.

Manterse no aire cun multirrotor consome enerxía todo o tempo. Unha ala fixa xera sustentación co propio avance, e iso tradúcese directamente en horas de voo e en quilómetros de terreo ou de costa cubertos por batería.

E a mesma á, cunha estrutura dimensionada para factores de carga elevados, admite unha banda de velocidade pouco habitual na clase de 5–10 kg: cruceiro de autonomía a 120 km/h e límite estrutural en 260 km/h. Nunha detección de incendio ou nunha busca, o que conta non é só canto aguantas no aire, senón canto tardas en estar enriba.

Autonomía en voo

Ala fixa~90 min
VTOL híbrido~55 min
Multirrotor~25 min

Orde de magnitude en clase 5–10 kg con carga útil equivalente. Non é un ensaio comparativo certificado.

Velocidade máxima

Artabian · VNE260 km/h
VTOL híbrido~120 km/h
Multirrotor~70 km/h

Mesma clase, orde de magnitude. A cifra de Artabian é a VNE de deseño, pendente de validación en voo; non é unha velocidade de cruceiro.

Fabricación

Base industrial e proceso de fabricación

Orixe do proxecto

O equipo procede de Arzeos Aircraft SL, empresa galega de deseño e fabricación de aeronaves tripuladas de ata 600 kg de MTOW, coa que se mantén un acordo industrial. O proxecto parte, polo tanto, de utillaxe, procesos e unha plataforma que xa voou.

Deseñada para produción repetible

A xeometría, os materiais e a secuencia de montaxe definíronse desde a orixe para unha produción repetible: a mesma peza, unidade tras unidade. É a condición que sostén un custo unitario baixo, e verifícase actualmente sobre as unidades de ensaio.

Cadea europea

As regras de compra pública europea en seguridade e defensa restrinxen progresivamente o hardware de terceiros países. Está en curso o mapeo dos compoñentes críticos e o correspondente plan de substitución, co obxectivo de que a orixe da lista de materiais sexa verificable.

Modalidades de adquisición

Adquisición en propiedade, con recambios, soporte e actualizacións ao longo da vida útil, ou aluguer con mantemento incluído. Sobre unha plataforma xa entregada, a incorporación de equipos novos na bodega permite engadir unha misión sen adquirir outra aeronave.

Estado do proxecto

Prototipo funcional, aínda non produto de catálogo

Madurez hoxe: TRL 5. Obxectivo a doce meses: TRL 7, sistema validado en contorna real.

O proxecto está en TRL 5: prototipo funcional, previo á campaña de ensaios en voo e sen venda recorrente. O próximo exercicio está dedicado a validar a plataforma en voo real e a executar as primeiras misións con usuarios reais. As organizacións interesadas en participar nesa fase poden poñerse en contacto co equipo.

Contacto

Solicitude de información

Administracións, servizos de emerxencia, operadores de medios aéreos, integradores de sensores e centros de investigación: as consultas reciben resposta con especificacións técnicas concretas.

info@artabian.com

O botón abre o programa de correo predeterminado co texto xa redactado. Este sitio non almacena ningún dato.